29.3.02

Estou un pouco abraiado polo xeito no que entendémo-los xogos. Normalmente, parécenos lóxico gañar, tender a supera-lo rival ou os rivais coa maior diferencia posible, ou mesmo a os humillar. Gústanos se-los primeiros, que non haxa nada detrás, e iso acaba co xogo, coa diversión, coa satisfacción de facer algo ben. Cando xogamos ó xadrez, facemos unha partida, que é imposible se non hai outra persoa do outro lado, que entende o que nós facemos. É moi triste que non saibamos ve-la aprendizaxe se non conseguimos gañar, e é moi triste que, ó gañar, non saibamos ver cómo xogou a outra persoa, qué hai dela no que nós conseguimos, e qué lle demos durante o tempo que estivemos con ela. Queremos converte-los xogos todos en solitarios, e os solitarios convértennos a nós en solitarios.

24.3.02

O mar e as ondas teñen máis alegría hoxe. Hai luz, un vento lene que move as follas, as copas das árbores, as plantas pequenas. Hai moito que debes ver por ti mesma, sen que cho diga eu, sen que cho diga ninguén. Incluso tes que ve-lo que outros vemos cos teus ollos, tocalo coas túas mans, sentilo coa túa sensibilidade. Hai un mundo que che pertence e que debes aceptar. É máis importante có noso, co externo. O teu foi o que che deu a vida para ti, e, se nos empeñamos en que vivas por nós, non tes máis ca abri-la porta e ver por ti mesma. Escóitanos, mais escóitate.

19.3.02

Non sei cómo falar do medo, porque teño que incluí-lo meu propio medo. Os maiores creámosvos medo para que non vexades que non sabemos por ónde ir, que non temos un camiño claro. Temos medo de que nos vexades ter medo, e iso o que fai é que non vos deixemos a vós buscar un camiño que nós só podemos comezar, do que só vos podemos da-lo pouco que sabemos, para que vós vaiades moito máis alá. Ó final, queremos ser donos da vosa propia responsabilidade, para escapar da nosa.

13.3.02

Un día verás que as palabras son marabillosas: pódese mentir e pódese dici-la verdade, e elas nunca faltan. A través delas, tamén se pode percibi-la mentira e a verdade. Son tan marabillosas, que che deixan a liberdade de escoller, de saber qué é o que queres dar e recibir a través delas, porque, segundo o que deas, recibirás unha cousa ou outra. Ademais diso, apártanse cando queres imaxes, ou sons, ou olores, ou cousas para tocar.

As palabras son un camiño para ser ti mesma.

10.3.02

Levo toda a fin de semana preocupado por un asunto: coido que a falta de perspectivas da xente nova, o que fai que esqueza a súa vida e que a deixe nunha botella, nunha xiringa ou en calquera cousa así é que, desde que sodes pequenos, os adultos non vos damos un camiño para percorrer. Estamos tan pendentes de non perdérmo-la partida, de que non nos adianten, de termos máis, que non deixamos espacio para vós. Non somos quen de falarvos claramente, de darvos información sincera, de recoñecer que, en pouco tempo, vós ides saber moito máis ca nós de moitas cousas, e que iso é bo para todos.

Agora todo o mundo quere un traballo fixo, na Administración, e tamén é obra nosa. O noso medo fai que vos convenzamos, e que nos convenzamos a nós mesmos, de que o resto do mundo -a creatividade, a imaxinación, os camiños non explorados- son a ruína, que deles só se sae cunha sorte inmensa, que os que os emprenden adoitan fracasar e perder anos da súa vida.

Desde onte, estou convencido de que a xuventude, os que vides despois de nós, os que seguiredes cando xa non esteamos, tedes capacidade máis ca abonda para construír unha sociedade con máis vida, con máis opcións, con menos desexos absurdos e con máis sentido común.

A nosa xeración é unha xeración tremendamente egoísta e egocéntrica. Empéñase en que dependades de nós ata que morramos, e non importa o que vos pase despois. Queremos un sometemento, unha dependencia desigual, na que nós sómo-los reis, os señores, os que gobernan e os que posúen a cordura.

Non creas nada disto. Se ti mesma. Convértete na persoa que es. Se o intentas, conseguiralo.

1.3.02

A praia de Corrubedo estaba onte fermosísima. Había nubes rotas polo vento, con masas brancas e grises que deixaban cachos de azul de cando en vez. O mar estaba picado, revolto, con retallos de escuma, con auga que se estendía case ata o comezo da praia, con gaivotas paradas sobre a area. Era un día fermoso de inverno, nun mar máxico, dos que hipnotizan, dos que fan que quedes mirando sen te decatar de que pasa o tempo. Coma o frade Ero de Armenteira, que estivo trescentos anos a escoitar un paxaro, sen que lle importase nada o paso do tempo.
Corrubedo é un dos lugares marabillosos de Galicia. Un sitio fermoso en días tranquilos de verán e en días revoltos de inverno. Non sei se fuches xa co colexio, mais, antes ou despois, irás, e correrás por esa praia, e collerás cunchas. E sentira-lo recendo do mar.