2.3.03


A foto que puxen é do balneario de Las Grutas, que está na provincia de Río Negro, na Arxentina.

Estamos a ver se nos aclaramos

Carlos, o Abate Petón e mais eu andamos a ver se damos decidido ónde está cada un e qué fai. Ata agora, non nos decataramos de que estabamos xuntos, e así cada un se metía no dos outros, porque lle parecía que todo era seu, que non había ninguén pola redonda.
O peor do caso é que non sabemos moi ben qué facer os uns cos outros, sobre todo cando escribimos ou cando falamos con outros. Estamos máis pendentes de que lles guste, de nos poñermos de acordo para dici-las cousas segundo o que nos ensinaron, que non acabamos de dicir realmente o que queremos dicir.
Iso lévanos a que prefiramos coller uns días para nós mesmos, porque, se seguimos como estabamos, non nos ten gracia.
A ver se damos arrincado dunha vez, e se nos aclaramos.

24.2.03


A imaxe é a primeira parte do tríptico Catrineta, de Almada Negreiros, e está na Estación Marítima de Alcántara, en Lisboa.

O Abate, ás veces, ten razón

Estamos a facer un curso en Vigo, para lle pormos as mans á xente encima e que se sinta ben, moi relaxada. É moi bonito, porque estás todo o tempo a sentir cómo se move o corpo dos máis por dentro, e a o moveres ti, coma se estiveses unido polas mans, dunha cabeza á outra.
Eu pásoo moi ben aló. Todos xogamos con todos, e todos nos sentimos a todos.
Normalmente, imos xantar xuntos uns cantos, e onte fomos ó sitio de sempre. Cando o camareiro dixo que había polbiños á grella, eu apunteime.
Cando chegaron, o Abate Petón díxome que eran moi pequenos, que podiamos deixalos medrar un pouco máis, porque tamén teñen dereito á vida, e tiña razón. Agora, despois de comer un, dáme tristeza, e coido que non os vou pedir nunca máis. Non é que fosen crías, mais eran pequenos e tenros, e non me decatei de que me estaban a pór triste.
Ás veces, o Abate ten razón.

22.2.03


A imaxe é do Logroño vello, e púxena porque me gustou.

Isto de compartirmos tres persoas un corpo é un pouco complicado

O Abate Petón, Carlos e mais eu vivimos no mesmo corpo, compartímolo e dámoslle instruccións, polo que moitas veces acabamos nun rebumbio que non ten xeito.
O outro día, cando fomos falar con Currás, o Abate quería montar unha monumental, Carlos tiña idea de chegar a un acordo, e eu quería que me dixese que son moi listo e que merezo moito.
O Abate púxose de acordo comigo para escribi-la carta, e Carlos deixounos facer, porque di que temos que aprender dos erros, á parte de que tampouco lle parecía tan disparatada a cousa.
Isabel, que é a marabillosa psicóloga que nos atende ós tres, foi a que nos dixo que o que pretendía eu era que o conselleiro, primeiro, adiviñase o que eu quería e, segundo, que mo dese, cunha palmadiña na croca, e moi arrepentido de todo o que pasou.
Cando llo contei a Sue, tamén me dixo que, ó mellor, a Currás non lle divertía moito que lle fosemos cotilleando a Fraga o que pasara na reunión.
A verdade é que, con tres por aí pululando, non é doado saber quén fai cada cousa. Imos ter que falar un pouco máis entre nós.

20.2.03


A imaxe apañeina por aí, mais non dei sabido nin de quén é, nin cómo se titula. Púxena porque me gustaba, e malia non estar de acordo o Abate Petón.

Teño os pés fríos

Teño os pés moi fríos todo o tempo. Non sei por qué é, mais non hai xeito de que aquezan. Ó mellor é que están tristes, porque non deixo que me leven a ningures, cando eles teñen moitas ganas de ir ó mar, ou ó monte, ou pasear polas rúas, agora que están uns días tan fermosos.
O Abate Petón anda encerellado cun tipo que non lle cae moi ben. Non sei de ónde o sacou, porque chamar, chámalle Pat O'Chan, mais aí está todo o día a mirar para el e a rosmar sobre o mal que fai todo.
Hoxe estaba moi enfadado porque o bo de Pat pasou un par de horas a lle explica-lo que se podía facer coas baixantes deste edificio no que vivimos, de acordo con cómo estivesen instaladas. O Abate -que está empeñado en que sabe todo- quería dicirlle antes cómo estaban realmente, para se aforrar toda a teoría, mais o outro andaba con vagar, e ía explicándolle se estaban amarradas á parede, se encaixaban as pezas, se non sei qué... ata que apareceu outro veciño, e o Abate pretextou o primeiro que lle veu á cabeza para liscar.
O Sr. O'Chan aínda debe de estar a explicarse na escaleira, e nós, a escoita-lo rosmerío que nos toca.

19.2.03


A imaxe prestóunola Carlos Alonso, e é un óleo que se chama El saco blanco

Andamos derreadiños

O Abate Petón, Carlos e mais eu andamos derreadiños. Non é que fixesemos nada especial, mais o Abate non fai máis que prometerse a si mesmo e prometerlle a todo o mundo que mañá vai escribir algo, segundo el, moi importante, mentres que Carlos e mais eu non sabemos moi ben qué vai ser da nosa vida.
Aí o que sabe é o Abate: non lle fai falta máis ca pensar no importante que é o que vai facer para estar entretido, sen se preocupar do que nos estamos a preocupar nós, que é de termos casa e algún traballo co que ir tirando para diante.
A min, chegar a algún acordo coa Xunta non me fai ningunha gracia. Non se pode xogar, nin enredar, nin nada, porque case todo cheira a podre, especialmente cando aparece calquera persoeiro polo medio. A min gustábame a Sección de Asesoramento Lingüístico porque se podía enredar moitísimo nas palabras, e sempre había xente que quería saber cousas, co que o traballo era moi entretido.
O malo foi que, durante todo o tempo que estivemos alí, non houbo máis ca intentos de nos estraga-la diversión, xa fose para lle facer discursos a non sei quén, ou para cargar libros nun almacén -e case ata limpalo- ou para traducirmos miles de páxinas que nunca habían servir para ninguén, e nin sequera se habían publicar.
O Abate Petón era o único que se atopaba coma na casa: tiña motivos para rosmar todo o día, e para dicir tamén que era moito mellor có resto.
Agora, en cambio, xa está case tan convencido coma min de que non paga a pena respirar ese aire fedento, por ningún motivo.
Ó mellor é iso o que lle preocupa, e por iso non está a escribir.

18.2.03


A imaxe fómola procurar á Cueva de las Manos, na Arxentina

Os castigos dos maiores

Estivemos hoxe no despacho de Currás, e non o de Mareas Vivas, senón o conselleiro. Carlos foi porque o mandara Fraga, para ver por qué o castigaran, e levounos ó Abate Petón e mais a min, porque sempre imos xuntos a todas partes, aínda que despois cada un fai o que lle peta.
Carlos quedou abraiado cando Currás lle dixo que o 90% dos castigos que se lles poñen ós que traballan na Xunta son porque lles caen mal ós que mandan, e iso a min non me gustou nada. É coma se a min, no colexio, cando sei a lección me chantan un cero, e a alguén que non a sabe, mais cáelle ben ó profesor, lle dan un dez. Se do que se trata é de saber, un pode acabar cateado por todas partes; se do que se trata é de aprobar, pois nada: a facer reverencias e queima-los libros.
O Abate Petón alí non dixo nada. Estrañoume moito, porque, co xenio que ten, eu pensei que iamos monta-la de San Quintín, mais non. Estivo moi tranquilo, xantou canda nós, sen moitos comentarios e, cando chegamos á casa, decidiu escribirlle unha carta a Fraga, para lle conta-lo que pasara.
O Abate Petón é moi pesado ás veces, mais sempre quere que as cousas estean no seu sitio. Eu creo que, esta vez, fixo ben.
A min quedáronme ganas de montar unha perrencha no despacho.

17.2.03


O cadro prestóunolo John William Waterhouse, e titúlase A dama de Shalott.

Había que roubar unha locomotora

Hoxe Sira levoume ó cine e deume moitas apertiñas e moitos aloumiños. Fomos ver El último tren, con Federico Luppi e mais Héctor Alterio.
Ó saír tiñamos ganas de irmos roubar unha locomotora e saír escopetados polo mundo adiante, sobre todo se serve para que cada un faga o que teña que facer.
A maior parte das locomotoras van polo seu camiño e, mellor ou peor, levan e traen xente; sen embargo, cando cisman por levalas onde non pintan nada, ou por face-lo parvo con elas, o mellor é deixalo claro roubándoas e indo a algures, para pasalo ben e para que paren dunha vez os que non saben en qué enredar sen amolar.